Contorno xeográfico
O xacemento ubícase na superficie terminal da plataforma que arrodea polo W a depresión tectónica que alberga o val de Verín. En concreto o castro de Medeiros aproveita un conxunto de afloramentos rochosos que se erguen na beira E do río Búbal, na confluencia deste co Rego da Bubela, ao W. Polo tanto o emprazamento de Medeiros facilita tanto control do paso polo estreito val do Búbal, máis, tamén, está moi próximo ao val de Verín e ás vías de comunicación que discurren por él dando paso ao interior de Galicia. Este emprazamento estratéxico vese reforzado pola ampla visibilidade dende o xacemento de toda a contorna, aínda que Medeiros semella orientarse visualmente preferentemente cara ao arco E.
O relevo, en xeral suave, caracterizado polo desgaste das plataformas tectónicas, está interrompido de xeito abrupto por profundos vales escavados polos ríos. Neste caso, Medeiros insértase no interfluvio entre o Búbal, ao E, e o Rego da Bubela, al W.
A parroquia de Medeiros
Administrativamente Medeiros localízase na parroquia de Santa María de Medeiros, ubicada nas terras altas ao W do concello de Monterrei. Monterrei é un concello cunha superficie de 119 kilómetros cadrados, cunha poboación de 2.924 habitantes (2012) e unha densidade de poboación de 25 habs. por kilómetro cadrado. Pode caracterizarse en liñas xerais como un concello da Galicia interior, cun forte proceso de despoboamento. A parroquia de Medeiros, con 378 habitantes, ten unha densidade de poboación de 29 habs. Por kilómetro cadrado, un pouco por riba da media.
Descrición e caracterización do xacemento
O Muro da Cidade, ou Castro de Medeiros, é unha fortificación de posible adscrición galaicorromana ubicada nas proximidades da aldea de Medeiros (Monterrei). O sitio arqueolóxico está ubicado a 603 metros de altura, aproveitando a configuración dun outeiro rochoso de grandes batolitos graníticos que intermedia na confluencia de dous ríos: o regato do Biduedo e o regato do Porto do Rei.
En 1943 Taboada Chivite visita o castro e realiza sondaxes arqueolóxicas (Taboada 1953). Por entón, co castro libre de vexetación observa que está composto por un recinto principal de pranta aproximadamente oval co eixo maior orientado ao ENE, protexido por un impoñente muro de cachotería, macizo, que acadaba os 3,5 metros de anchura e o 1,2 metros de alto. O interior do recinto está salpicado de batolitos graníticos. No arco SE desenvólvese un segundo recinto concéntrico, defendido por un muro ciclópeo. Segundo o autor, a meirande parte das habitacións localízanse neste segundo recinto, aínda que considera que moitas delas serían lagares e dependencias relacionadas co laboreo das terrazas do entorno. Ao noso xuizo é moi posible que a totalidade das construcións localizadas en superficie sexan en efecto lagares e outras dependencias agrícolas modernas. A elevación que alberga estes dous recintos comunícase cunha segunda elevación cara ao SE, máis baixa, a través dunha pequena vaguada. Xa T. Chivite sospeita da extensión do poboado cara esta escavación, extremo que non podemos afirmar.
Xa por entón non se documenta a entrada ao poboado, só a entrada moderna, hoxe cuberta de vexetación, no extremo leste da croa. Non se aprecian outras estruturas, mais aló de algún muro de reforzo perpendicular á muralla. Máis aló deste conxunto, o autor só rexistra as pendentes naturais do terreo.
Taboada practica unha primeira sondaxe na cara interna da muralla N. Aquí só documenta muros perpendiculares á muralla que interpreta como restos de dependencias de función defensiva. Non localiza vivenda algunha, e inclínase por crer que non as hai no recinto principal. Sí recupera un conxunto de materiais abundante (cerámica indíxena e romana) aínda que cunha presenza de tégula menor da que agardaba.
O conxunto de materiais exhumado está protagonizado pola cerámica indíxena. Recupéranse tamén restos de cerámicas máis finas con engobe (seguramente romana) e escasos exemplos de tégulas e ímbrices. Documéntase tamén restos dun coitelo de ferro, un cravo de sección cadrada e dúas escouras.
A primeira vista estamos ante un xacemento castrexo fundado probablemente no Ferro II (a xulgar polas decoracións que amosan algúns restos cerámicos, cun nivel de uso galaicorromano probablemente vinculado ao control do río Búbal e en xeral do tránsito pola zona. En definitiva non se documentaron restos inequívocos de estruturas habitacionais, pero esto pode deberse a dous feitos: no interior do recinto só se escavan 35 metros cadrados e na zona anexa á muralla, na que non ten nada de estraño que só se documenten estruturas defensivas. Por outra banda, a escavación no recinto sur centrouse nas construcións modernas, o que puido evitar a escavación de lugares máis propicios.
O castro ten unhas dimensións reducidas na súa croa (80 metros no eixo SW-NE e 57 no NW-SE) e apresenta un segundo recinto concéntrico ao SE de 57×13 metros. En total a superficie habitable é duns 5.200 metros cadrados. A totalidade do xacemento, incluíndo as súas abas (nas que poderíamos atopar estruturas) ten unha superficie de case que dúas hectáreas. Se observamos a topografía extraída dos datos LIDAR. Podemos observar pequenos recháns no NW e no NE das abas do castro. Puideramos estar ante terrazas de cultivo (vide) máis non hai que desbotar a posibilidade de que esteamos ante espazos de ocupación do poboado.
A densa vexetación arbórea e arbustiva está a desmontar os muros, de cachote sen argamasa, se ben pola súa monumentalidade son perfectamente visibles. Como xa indicaba Taboaba Chivite, os derrubes teñen un volume enorme, que cubre boa parte do xacemento. Observamos tamén algunha estrutura moi tosca adosada á cara interna da muralla, conformada por pouco máis que o baleirado de parte do derrube , deixando así unha concavidade a modo de, se cadra, refuxio.