Os lagares

No recinto S do castro, Taboada observa, desescombra e escava 4 construcións cadrangulares en pedra (unha delas cun vestíbulo semicircular) das que unha é claramente un lagar moderno, dos que documentamos máis dunha treintena no entorno do xacemento. Non se amosa seguro da antigüidade das estruturas (nalgunha documenta cerámica romana durante a escavación) aínda que recoñece que polas súas características construtivas son do mesmo tipo que o conxunto de lagares modernos do entorno. Ao noso xuizo estamos ante lagares e outras dependencias agrícolas, de cronoloxía moderna ou mesmo medieval.

Nas abas do castro podemos observar algún dos máis de 30 lagares xa descritos, moi arruinados. As testemulas orais dos veciños confirman este extremo. Neste senso debemos recordar que o castro de Medeiros ubícase en terrras pouco produtivas que no seu momento deberon estar destinadas a viñedo, segundo a memoria local. Hai unha serie de topónimos que inducen a pensar nun poboamento localizado non só na croa, senón estendéndose polas ladeiras. A primeira testemuña escrita do cultivo de viño na zona é do século XII (Taboada 1953), máis é abandonado nalgún momento que non podemos precisar. Ignoramos en qué momento estes solos, tan aptos para este cultivo, comezan a producir viño, máis si podemos comprobar a existencia non só dos lagares, se non dun complexo de terrazas agrarias en todo o contorno que nos están a falar da existencia dunha auténtica paisaxe cultural vinculada ao viño.