O proxecto Muro de Medeiros é unha iniciativa do Concello de Monterrei para poñer en valor o castro coñecido como o Muro da Cidade de Medeiros, e ubicado nas proximidades da aldea e parroquia do mesmo nome en Monterrei (Ourense).
Trátase dunha área de especial densidade cultural que reúne importantes características:
- Conta cun importante monumento: o Muro da Cidade de Medeiros, unha fortificación prehistórica en aparente bo estado de conservación, caracterizada pola estrutura que lle dá nome. Unha singular e enorme muralla que protexe un pequeno recinto. A desproporción entre o enorme sistema defensivo e a exiui
- O castro de Medeiros, conserva ademáis, unha singular paisaxe agraria de extraordinario valor. Nas súas ladeiras consérvanse un excepcional conxunto de lagares rupestres destinados á produción de viño. Estes lagares rupestres son especialmente abundantes, dentro de Galicia, nos concellos de Monterrei e Verín. Neste caso, a súa proximidade a unha fortificación, a un espazo sagrado cristián -unha capela- crean un conxunto único e cheo aínda de incógnitas.
- Ademáis dos lagares e da fortificación, existen outros elementos arqueolóxicos de relevancia na zona que aínda están por determinar, xunto cun extraordinario patrimonio inmaterial e lendario, con narracións únicas en Galicia.
Un proxecto innovador
Unha característica fundamental do proxecto Muro de Medeiros é o patrocinio a cargo dunha marca de viño local: Mara Moura. A adega está apoiando o proxecto como parte da súa implicación co desenvolvemento social e económico da comarca de Monterrei. Os vínculos co proxecto e co castro pasan, ademáis, por incluír a lenda do Muro de Medeiros como parte da súa estratexia, comercializando o viño Mara Moura e levando na etiqueta a famosa lenda pola cal a raíña moura agasallou aos veciños de Medeiros coa pranta do viño.
O horizonte do proxecto
O proxecto Muro de Medeiros está deseñado para desenvolver unha serie de obxectivos científicos e sociais ao longo de cinco anos de desenvolvemento. Estes son os obxectivos:
- Coñecer as datas de ocupación do castro, delimitar e definir as súas estruturas arqueolóxicas.
- Documentar os lagares rupestres e tentar determinar a(s) súa(s) cronoloxía(s), usos e relación co resto das estruturas da zona.
- Construír un museo ao aire libre que explote os valores culturais do emprazamento: a historia da viticultura e do viño en Galicia e a vida nas comunidades prehistóricas do sureste do país.
- Explorar novas vías de xestión patrimonial, apostando pola arqueoloxía en comunidade, a implicación institucional e privada.