Moi cerca do Burato hai un lugar que garda un tesouro, o penedo do Encanto. E suponse que con certos ensalmos e traballos se pode dar del…, como moitos outros tesouros agachados por Galicia.
O caso que no alto do penedo, moi partido, aparecen algunhas coviñas (petróglifos) e segundo Gloria Dopazo, indican a dirección onde hai que cavar. Unha vez que sabemos onde hai que cavar, teñen que facer este traballo un mínimo de catro persoas, ao mesmo tempo que unha quinta colócase encima do penedo rezando e dicindo os ensalmos que corresponden, lidos no famoso libro do Ciprianillo… Se se facía ben, aparecería de súpeto un cabaleiro que os atacaría cunha espada e que a única maneira de paralo era botando no seu camiño algo vivo e negro, como un galo ou un gato. E se esto saía ben, o cabaleiro desaparecería e se abriría o penedo, deixando coller o tesouro que garda. Di a señora que cando era pequena intentouse por uns homes chegar a ese tesouro, pero que cando tiñan que botar algo vivo e negro, esquecéronse do galo que levaban nunha gaiola, e cada un dos cinco fuxiu o máis rápido que puido, cada un na súa dirección.