Muro de Medeiros
  • Inicio
  • O proxecto
    • O equipo
  • O castro
    • Os lagares
    • A lenda do viño
  • Atlas
  • O viño
  • Visitar
  • Anterior
  • Seguinte

O Muro e a Banda do Juán

murobubal

Unha historia pouco coñecida do Muro da Cidade é a da banda do Juán. O Juán foi un maquis, un guerrilleiro, un bandoleiro, un donjuán destas terras castigadas inxustamente por unha posguerra cando xamais a guerra civil se librou aquí. Era compañeiro e amigo de Santiago Martínez, carabinero e soldado franquista (por obrigación, como moitos outros), dende nenos, na escola de Medeiros. Pero os camiños leváronos a destinos diferentes…

O caso é que un dos escondites preferidos polo Juán e a súa bando era este castro, polo fácil que era vixiar a chegada de calquera estraño, e incluso para defenderse da Garda Civil se ían a por eles. Algo de magnetismo tiña este home cando non hai unha soa muller maior da contorna que non falase do guapo e cabaleiro que era. Tanto era así que durante moitos anos andivo fuxido gracias á axuda das súas amantes…, e tamén porque se coidaba moito de non facer ningunha fechoría á xente das aldeas, salvo algún axuste de contas que outro. A única vez, fora dalgún tiroteo coa Garda Civil, que a banda asasinou con alevosía, foi en Vilaza, matando a un asasino moito peor, o Aguirre, que comandara a Cuadrilla de la Muerte, causante de case douscentas mortes, incontables abusos e violacións na comarca do Bierzo, no nome da Falange.

Como o Juán era tan querido na contorna non había forma de botarlle a man encima e a Garda Civil arguiu unha treta para crear a escusa e apañalo:

Un día de 1946, o bus de liña que unía a fronteira en Feces de Abaixo con Chaves foi atracado por homes que falaban castelán e tiñan botas militares. Nin que dicir ten que o Juán e súa banda non sabían falar castelán e o único calzado que tiñan eran alpargatas e no millor dos casos, chancas de madeira e coiro… Pero a escusa valía a pena e involucraron á Garda Nacional Republicana, de Portugal, na busca e captura do Juán.

Un dos seus escondites favoritos era a aldea do Cambedo, aldea promíscua, na raia á parte portuguesa, e a partires dun sopro dun veciño, unha noite, a GNR e a Garda Civil rodearon a aldea e durante 24 horas exactas bombardearon con morteiros coa intención de sacar ao Juán de onde se agachaba…, pero non saía e seguiron bombardeando, sen piedade, sen cartel, e sen diferenciar entre os maquis e a xente propia da aldea, que do medo nin saía das casas mentres lles caían encima os cascallos e as tellas. Finalmente, mataron a cinco dos seis compoñentes da banda, entre eles ao Juán, pero tamén morreron 14 persoas da aldea. Como o Cambedo era, ademais, a base natural para introducir contrabando a un lado e outro da raia, as autoridades ensañáronse coa xente e chegaron a desterrar a Mozambique e Angola a ducias de persoas. Xente que, xa moi ancián, non voltou a Portugal ata os anos 90, non quedando con eso curada a ferida provocada neses anos da longa noite de pedra.

104-76- 79-250
104-76- 79-250
This entry was posted in Atlas, Espazos do imaxinario
Compartir

Post navigation

  O Canón do Río Búbal
A Cruz de San Brais  

Quen participa?

Séguenos en Facebook

Muro de Medeiros

Muro de Medeiros