Con esta magnífica ilustración de Manel Cráneo resumimos o contexto mítico dunha das principais lendas do Muro da Cidade. Hai que ter en conta que descoñecemos a antigüidade dos lagares, así que a ilustración reflicte un tempo mítico, máis que unha época cronolóxica concreta.
En Medeiros conservamos unha magnífica lenda que relaciona unha moura de voraz apetito coa chegada da vide ao lugar. Unha lenda atípica na tradición oral galega:
A deusa que regalou o viño aos galegos
A lenda conta que unha moura namorou dun soldado e viñeron vivir para o Muro da Cidade de Medeiros, de onde era él. Pero a moura era tan voraz que comía un boi diario, e os habitantes do Muro da Cidade decidiron falar con ela e explicarlle que non podían mantela por máis tempo. A moura e máis o soldado entenderon que era de xustiza, e decidiron baixar para unha quinta rica que había no val. Pero en agradecemento pola súa hospitalidade, a moura fíxolles un importante agasallo: deulles a vide, para que cultivaran viño.
Trátase dun relato singular porque a relación entre mouros e humanos sempre é perigosa, e nelas adoita sair perdendo o humano. Este caso, no que a moura outorga un agasallo en agradecemento que, ademáis, frutifica en mans humanas, é único. Neste tipo de lendas, a moura habitualmente o que ofrece é ouro ou xoias. O feito de que neste relato, eses metais preciosos estean substituídos por viño fala da relevancia e singularidade deste cultivo na comarca.
Coñece o noso proxecto para o Muro da Cidade de Medeiros.