Por debaixo da Carreira branca, e no alto dunha viña xa só lembrada polos máis vellos existe unha cova artificial, escavada no sábrego, que de tan vella, é máis pequena que a cantidade de historias que se contan sobre ela.
A profundidade da cova non sobrepasa os cinco metros e non máis de dous de anchura, abríndose ao final, case buscando a forma dunha cruz latina, a esquerda e dereita, ata catro metros. No centro hai unha cruz insertada nun círculo, acompañada dun símbolo en forma de “l” sobre a que prefiro non especular. Na mesma parede da cruz hai varias “furnas” que servirían tanto para poñer veladoiras como pousar obxectos de uso cotián. Ao lado dereito, un banquiño de pedra e á esquerda un leito escavado.
Na entrada do Burato, os laterais están reforzados por cachotería, pechando ocos, e a terra de moitos séculos reduce a entrada á medida dun toco de teixugo. Unha das cousas máis interesantes, e tamén estragadas, é o, chamémoslle así, entrada alintelada. Xente da miña idade ainda lembramos que tiña en pé dúas ringleiras de perpiaños rematados noutra lousa que facía de teito desta estensión cara fóra da cova.
Voces autorizadas afirman que ten todas as trazas de ser un eremitorio altomedieval, sen que haxa aínda un estudo profundo sobre o tema, moi semellante a outros moitos que aparecen principalmente na meseta castelá. En calquera caso, o lugar adáptase perfectamente ao perfil de retiro monacal…
Pero a historia deste lugar non remata na idade media. Durante a Guerra Civil ata dous fuxidos se agacharon da barbarie dos falanxistas de Vilaza neste Burato. O que máis tempo estivo, O Bicho, non cometeu outro delito que estar sindicado na CNT pola súa estadía de emigrante en Barcelona. Entre tres e cinco anos
estivo agachado alí, e segundo a xente maior da aldea, a muller íalle levar todos os día de comer, ata que as cousas se calmaron, aínda que todo segue nunha néboa de silencio. Anos máis tarde, O Pedreiro, colaborador da Banda do Juán (o famoso guerrilleiro e salteador da nosa raia, morto no Cambedo), tamén usou habitualmente o Burato para pasar as noites mentre foi fuxitivo, antes de pasar a raia cara Portugal, e logo, segúndo algunhas testemuñas, a Brasil.