O poder evocador do viño e unha das lendas máis singulares de Galicia: a Raíña Moura de Medeiros inspirou a produción deste godello de Monterrei, que a adega Martín Códax presenta ao mesmo tempo que o proxecto de recuperación do Muro de Medeiros. Mara Moura homenaxea a lenda da chegada do viño a Galicia. A súa etiqueta contén a lenda orixinal e levará a imaxe de Medeiros e Monterrei polo mundo, pero tamén será o punto de partida para explorar elaboracións máis específicas e compartir a topografía miúda do castro, as microhistorias de cada un dos lugares desta abraiante paisaxe da historia e do viño.
Medeiros no mundo
O viño Mara Moura incorpora a lenda do castro do Muro de Medeiros na súa etiqueta, difundindo o proxecto e o imaxinario do sitio arqueolóxico por todo o mundo e a través dunha canle moi especial.
Como se elabora?
Co obxectivo de acadar unha complexidade aromática e maior frescura, Mara Moura está elaborado a partir dunha selección de viñedos de altura de godello da D.O. Monterrei, con chans de esquistos.
Realiza unha fermentación alcohólica a baixa temperatura e un bâtonnage dúas veces por semana para manter as lías en suspensión, de maneira que aporten untuosidade e complexidade ao viño.
Para potenciar as sensacións aromáticas, incorpórase ao viño unha pequena porcentaxe de treixadura que aporta notas florais e minerais. O resultado é un viño fresco e con nervio, no que destaca a tipicidade do varietal e con gran potencial de garda.
CATA:
Fase visual: Cor amarelo paxizo con reflexos verdosos, limpo e brillante.
Fase olfativa: Intensidade media-alta. Predominan aromas cargados de mineralidade, destacando notas balsámicas e fragancias florais sobre a fruta blanca.
Fase gustativa: Potente e intenso. Sensación fresca en boca, con boa estrutura e equilibrio, resaltando notas de fruta branca coma a pera e notas minerais, acompañado dunha sensación untuosa e sedosa debido ao seu traballo sobre lías.