Muro de Medeiros
  • Inicio
  • O proxecto
    • O equipo
  • O castro
    • Os lagares
    • A lenda do viño
  • Atlas
  • O viño
  • Visitar
  • Anterior
  • Seguinte

A Presa da Luz e o contrabando

 

 

 

 

dsc_4057

A única presa hidroeléctrica da cunca do Támega na parte galega fíxose no ano 1905 para proveer de luz, non tanto a Verin como ao balneario de Cabreiróa, que abriría ao ano seguinte. Fíxose con técnicas arcaicas, de canteiros tradicionais, pero seguindo os deseños e indicacións da enxeñería moderna (a curva de catenaria e algunhas cousiñas máis). Unha das consecuencias máis curiosas é que ese verán, despois de inaugurar a presa e o tendido eléctrico, proxectouse por primeira vez na comarca unha película de cine.

Pero a presa foi máis alá da súa propia construcción e despois de moito tempo adheriuse ao celme da cultura popular en moitos sentidos. Un deles, cecais o máis interesante, foi o do contrabando. Esta presa era un punto de paso obrigado na ruta agochada dos contrabandistas que traían mercancía de Portugal e a quería achegar a outros lugares da provincia a través da Limia, e o val do Támega era demasiado vixiado e demasiada a competencia… A ruta comezaba no Cambedo, aldea promíscua, pegadiña á raia, pasaba a carón de Casas dos Montes e a Granxa e non chegaba a tocar As Chás, sempre por camiños esquecidos e vías non convencionais, por razóns obvias de clandestinidade. Pero para pasar á Limia sen pisar o val hai que atravesar o río Búbal, que en case todo o seu percorrido é un canón profundo con pontes vixiadas. E o lugar perfecto para atravesalo é, precisamente, o cumio da presa.

Contan os máis vellos do lugar, como o citado Santiago Martínez, que no inverno, cando a presa bolsaba auga por encima do cumio, os homes cargábanse dos sacos de café ou doutras mercancías, de ata setenta kilos, para que a corrente de auga non os levase. Ademais, por facelos de noite, pódese imaxinar un o perigo que supuña ir á tentas, buscando onde pousar o pé sen dar un paso en falso, que o arrastraría coa corrente ao fondo da fervenza artificial que todos os invernos vemos alí, e cunha morte segura.

Unha vez que se atravesaba o Búbal, xa todo era máis doado. A ruta do contrabando seguía as vellas rutas que nacen no Muro da Cidade, a través da Lama da Vrea (a Verea Vella) e de alí ata Vilela e Novás, ou por Monte Meda ata Baños de Molgas.

As vellas casetas das viñas abandonadas servían, en moitos casos de refuxios temporais das mercancías, cando os portes se facían por etapas e diferentes persoas para cada etapa, e que non se coñecían entre elas, para non ter que delatarse cando a Garda Civil facía algún decomiso.

Hoxe, curiosamente, co abandono do mundo rural, convertiuse unha especie de ponte biolóxica pola que os xabaríns, corzas, raposas e outras especies de terra usan para pasar o río de maneira doada. E así é como a natureza volve ocupar o espacio que o home lle foi “roubando” durante milenios.

This entry was posted in Atlas, Espazos do imaxinario
Compartir

Post navigation

  O Penedo da Chiva de Ouro
Os Castelos e o Paraíso  

Quen participa?

Séguenos en Facebook

Muro de Medeiros

Muro de Medeiros