Importante paso para o camiño principal dende o Muro da Cidade ata Medeiros, cruza esta ponte o regato de Soutobeía, a poucos metros da citada Fonte da Tecedeira. So coa fonte non precisa moita máis maxia do que xa a ten, pero non remata aí a súa importancia posto que tamén marca o comezo dun carrouchiño escavado na ladeira que ribea o regato e que leva só a un lugar mítico: as Casas das Máquinas, das que se falará noutro artigo. Igualmente é un paso obrigado para todo o contrabando que por aquí ía cara o interior de Galicia.
Como curiosidade técnica, a ponte está feita dun só penedo, que se cortou uns vinte metros máis arriba e se deixou esbarar ata colocalo no seu lugar, reenchendo os ocos con cachotes e terra, e deixando un ancho suficiente para carruaxes.
En resumo, outro lugar misterioso que prantexa moitas preguntas e que denota a xa descontada importancia do Muro da Cidade.
