Dende o alto do Muro da Cidade a vista está aberta principalmente cara o nacente, e nese horizonte divísanse outros catro castros moi destacables. O primeiro pódese ver na primeira foto. É un niño de aguias a mil metros de altura e nunha fraga de cuarcita xistosa que destaca pola súa cor branca. Un lugar fermoso.
O segundo castro hoxe é un castelo medieval: Monterrei. Sen dúbida, este outeiro que se adentra no val ten un gran magnetismo, pois foi quen de conservar a súa estratéxica posición durante milenios, aínda que agora só a teña a nivel cultural.
O terceiro castro é o máis prominente e espectacular de toda a comarca, con continuidade poboacional dende o calcolítico ata a Alta Idade Media, con máis de setenta petróglifos en menos de tres hectáreas, os restos dunha torre medieval, tumbas xermánicas… Un lugar máxico que está conectado no imaxinario popular co Muro da Cidade.
E, por último, o castro de Santa Ana. Disque a Santa era orixinalmente da Ceadá das Chas, e que cando lle queren pedir algo como que acabe a seca, téñena que levar de volta aos pes do castro e volver en procesión dende alá para que sexa concedida a petición. En realidade é un castro ben bonito que está coroado por unha capeliña fermosísima, con simboloxía paleocristiana e cunha das visións máis fermosas de todo o val do Támega.
This entry was posted in Atlas, Espazos do imaxinario