A máis bonita lenda que coñezo, xa citada por Manuel Gago, ocorre nun tempo indeterminado nun lugar real pero xa mítico: a Fonte da Tecedeira.
Contan os vellos que un rapaz de Medeiros que viña de facer o servicio militar, un quinto, atopouse subindo polo camiño de Requeixo coa Raíña Moura, peiteándose onde a Fonte. Cando a Raíña viu ao rapaz namorou del e propúxose facerlle unha proba de valor. Achegouse como só o poden facer as mouras e díxolle ao mozo, xa amedentoñado, que se non quería que matase a toda a súa familia, tiña que vir ao día seguinte ao mesmo lugar cunha cunca de leite e dito esto, a Raíña Moura desapareceu.
O mozo, a pesares da ameaza e o medo, quedou prendado da linda Moura e non o pensou: ao día seguinte presentouse no lugar cunha gran cunca de leite. A Moura non estaba pero, de súpeto, apareceu unha cobra enorme cunha cabeza que era máis grande que o propio mozo. Éste, que non se vira noutra, permañeceu sen moverse e presentoulle a cunca de leite ao monstro, que se achegou paseniño e paseniño bebeu o leite ata rematalo. O mozo, cos ollos pechados, non viu a transformación da cobra en Moura, e ao abrilos só tiña enfronte un sorriso fermoso da loira Raíña que o namorou. Tan certo estaba do seu amor que deseguida lle propuxo á Moura ir vivir con el a Medeiros e deixar o Muro. Ela, igualmente namorada, aceptou e alá foron os dous a vivir á aldea.
Os veciños, desconfiados, ao pouco aceptaron a presencia da Moura entre eles, pois viron que mal non lles facía ningún. Pero despois dun tempo víronse nunha encrucillada: a Raíña Moura comía díariamente un becerro. Era tal o seu dente que se reuniron en segredo para decidir o que tiñan que facer, pois a ese ritmo ían cara a rúina. E foron, con moitos temores, a falar coa Moura dese problema. A Raíña escoitounos e díxolles: “xa que me acollistes e me destes mantenta non vos vou castigar, e prométovos que cando baixe o último carro de herba do monte Larouco, meu home e máis eu nos iremos de Medeiros…”
Alá por setembro, case outubro, o último carro coa última herba do verán, baixada do Larouco, chegou a Medeiros, diante da casa da Raíña Moura e o mozo. Como prometera, bazaron a herba do carro, montaron nel as cousas da casa e dispuxéronse a baixar ao val, a vivir no Perún, a quinta máis rica do país do Támega. Pero antes de marchar e en agradecemento aos veciños deixoulles dentro das pallas que acababan de bazar as primeiras sementes de viño que houbo en toda a comarca. E feito esto, o mozo e a Raíña Moura marcharon de Medeiros.
Outros dín que tamén deixou entre a palla moedas de ouro como regalo ao pobo…
(Sen que isto ratifique ou non a lenda, hai unha serie de curiosidades que enriquecen a historia. O lugar é, sen dúbida, o millor lugar de viño de todo o condado de Monterrei. Por tipo de chan, todo granito e sábrego; por orografía, pois o lugar é unha fosa tectónica a cuberto de todos os ventos dominantes; por climatoloxía, debido tanto ao anteriormente dito como por recoller as augas de dous regatos abondosos; por humanización do territorio, porque é o único lugar da comarca (cun par de lugares máis en Bousés e Videferre, máis pequenos) onde o viño se cultivaba en socalcos, e tamén pola densidade de lagares tradicionais concentrados en menos dun km á redonda: case corenta… Tanta importancia tivo que ter o viño desta chamada Ribeira de San Brais que ata no interior do Muro hai un lagar; e por se fose pouco, o citado viño era o que se bebía na mesa do emperador Felipe II, afillado de Don Gaspar de Acevedo y Zúñiga, IV Conde de Monterrei, e máis tarde Virrei de Nueva España e de Perú (Pedro Gonzalez de Ulloa, Descripción de los Estados de Monterrei). Por último, é curiosa a referencia do derradeiro carro de herba que baixa do monte Larouco, pois ademais da importancia antropolóxica e mística dese monte, coincide no tempo coa vendima: setembro-outubro…)

