Se cadra non é máis que unha cruz de termo, pero tan cerquiña está das ruínas da desaparecida capela, que nome acaelle ben e cecais teña máis significados perdidos na historia dos que supoñemos.
Máis interesante fai este lugar unha pedra que está a dez metros da Cruz, e que ten no borde oriental unha liña, profundamente gravada (non é unha diaclasa natural). Ninguén me soubo dicir se tiña historias ou lendas asociadas, pero unha vez, meu avó, paseando polo camiño que quedaba a carón, respondeume a miña pregunta de que era esa liña. El, sinxelamente, respondeume que era un camiño que as cobras facía de cotío, e que, de tanto pasar, fixeran unha corredoira… Quedeime sen saber, e xa non o saberei xamais, se foi unha brincadeira do meu avó, ou era unha historia sabida pola xente da aldea. Ata agora non teño resposta.
Como curiosidade, por debaixo desta pedra hai un refuxio natural onde os pastores se metían no mal tempo, e incluso está millorado con cachotería tapando ocos mal orientados.
This entry was posted in Atlas, Espazos do imaxinario, Petróglifos