Contase, case como xustificación á presenza dos restos da capela de San Brais, no fondo desta bacía, que aquí existiu unha aldea desaparecida hai moito tempo. Tanto que nin os máis vellos lembran a ninguén que a vira en pe. A causa da súa desaparición diluíuse no esquecemento, pero hai un par de pistas no que sabemos: o lugar ten unha terra rica de máis como para pensar que nalgunha parte da súa historia puido haber algún tipo de poboación aproveitando a riqueza do lugar, cando xa o castro non era viable; a segunda pista é material: o que se supón a base do altar cristián da capela era a ara romana da foto insertada ao principio, e como se ve, é de boa factura e con letras ben feitas e podería ser perfectamente do século II. De todo esto podemos intuír a presenza dalgunha vila romana que tivera que ver, de feito, co cultivo do viño neste lugar. Pero a intuición só é ensoñación ou especulación. O certo é que a mítica capela desaparecida de San Brais existiu e que había un ara romana no mesmo lugar. Iso sempre é boa sinal de gran trasfondo antropolóxico.
Ademais, comentan as persoas maiores de Medeiros que había escaleiras que unían o castro coa capela, pero ben pode ser que refiran aos socalcos onde maduraba o viño…, ou non?